Thursday 25 de April de 2024

O Concello de Brión convoca a terceira edición da Feira da Carballeira para o sábado 18 de setembro


A feira, que non se celebra dende 2019, incluirá venda de produto labrego, artesanía e segunda man xunto a actividades como unha andaina teatralizada, catas, obradoiros e foliada

A carballeira de Santa Minia acollerá o próximo sábado 18 de setembro, de 11:00 a 19:00 horas, unha nova edición da Feira da Carballeira, organizada polo Concello de Brión en colaboración coa asociación Daquí Darredor. Unha feira que está aberta á participación de todos os veciños e veciñas de Brión, así como da contorna, que poderán montar os seus postos para a venda de produto labrego, ecolóxicos, artesán, viveiro (horta, xardín, flores, froiteiras…) ou de segunda man.

Para poder participar na feira será preciso anotarse antes das 14:00 horas do 15 de setembro. A solicitude pode descargarse da web municipal (www.concellodebrion.gal) e deberá entregarse por e-mail (daquidarredor@gmail.com ou empregobrion@gmail.com) ou por whatsapp ao número 633 122 772.

Programa e novidades

A Feira Labrega estará aberta na carballeira de Santa Minia entre as 11:00 e as 19:00 horas, conformada por unha serie de postos de produtos de alimentación e de artesanía. Durante a mañá haberá un obradoiro de elaboración de xabóns tradicionais (12:30 horas) e unha cata de produtos de temporada (13:30 horas).

Previamente, ás 11:00 horas, terá lugar a gran novidade da xornada: a andaina teatralizada “Déixate levar.. á Batalla de Altamira”, organizada pola asociación Déixate Levar. Unha andaina con saída e chegada na carballeira de Santa Minia e para a que é preciso anotarse en deixatelevar.adr@gmail.com ou por Whatsapp no 633 122 772. O cota de participación é de 12 euros, que se aboarán na carpa da asociación. A andaina ten un percorrido duns 12 km e o número de prazas é limitado.

Xa pola tarde, tempo para os máis pequenos cos contos do Chiki (17:00 horas) e sesións de cociña ao vivo (18:00 horas). A Feira da Carballeira pecharase cunha foliada entre as 18:30 e as 19:00 horas. No caso de choiva, desta vez a feira trasladarase ao centro comercial Monte Balado. O certo é que esta feira non está a ter moita sorte coa meteoroloxía. Se ben a súa primeira edición no ano 2018 foi todo un éxito de participación e de público, a de 2019 foi suspendida en dúas ocasións polas malas condicións meteorolóxicas, ata que tivo lugar a cuberto no mes de decembro.